LA AVV DE ESTEIRO PIDE LA RETIRADA DE LA ANTENA DE LA AVDA. DE ESTEIRO, 2, 4, 6 y 8
Recollendo a denuncia da Comunidade de Propietarios da Cooperativa de San Valentín.
Pedimos, unha vez máis, a retirada da antena de telefonía mobil da Avenida de Esteiro portais 2,4,6 e 8.
Está antena non conta cos permisos necesarios e non ten autorización do Concello de Ferrol.
Desde o ano 2004 e logo das denuncias formuladas pola Asociación Veciñal de Esteiro a Compañia Telefónica Móbiles España, ten abertos expedientes sancionadores por parte da Concellería de Urbanismo do Concello de Ferrol e mesmo se lle ten demandado, por parte do Concello de Ferrol, a paralización das súas emisións sen que Telefónica fixese caso dese requirimento.
Xa no mes de novembro do ano 2004 o Concelleiro de Urbanismo, por aquel entonces o sr. Pita Romero, dicta unha resolución que no seu apartado SEGUNDO di textualmente:
"Ordenar cautelarmente a Telefónica Móbiles España S.A. a cesación inmediata do funcionamento da antena de telefonía móbil sita na Avenida de Esteiro nº2, coa advertencia de que, caso de non facelo, tal conducta poñeriase en coñecemento da Autoridade competente por si puidera ser constitutiva de infracción penal de desobediencia, sen prexuízo das actuacións administrativas que procedesen conforme a Lei"
Seguiron a estas resolucións outras máis, sempre a instancia das nosas denuncias, en anos sucesivos.
Esta entidade xa lle ten solicitado, por varias veces, ó Sr. Mato que por parte do Concello de Ferrol que demande a Telefónica na xustiza ordinaria.
Telefónica en meses pasados lle ten solicitado á Comunidade de Propietarios a sinatura dun convenio a cambio dunha cantidade económica. Este convenio foi rexeitado contundentemente pola Comunidade de Propietarios que non quere, xa o ten denunciado repetidamente , a antena de telefonía móbil no seu edificio.
A Comunidade de Propietarios o 14 de abril do ano 2005 na súa Asemblea Xeral tomou o acordo unánime de opoñerse a que no seu edificio haxa unha antena de Telefonía Móbil e así llo trasladou ó Concello de Ferrol a través do Rexistro Municipal
Esta entidade vai dirixirse de novo ó Concello de Ferrol para que precinte dita antena ilegal, como ven de facer en Canido na rúa Alonso López feito que como Asociación aplaudimos.
Non entendemos como unha empresa pode ter nun edificio unha antena de Telefonía Móbil en contra dos desexos dos propietarios.
Demandamos a retirada inmediata desa antena ilegal e que ten aberto expediente por parte do Concello de Ferrol desde hai máis de seis anos, pero que segue emitindo e causando graves danos sobre a saúde das persoas.
Ferrol a 17 de Marzo de 2010
Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro.
Asdo./Xosé Miguel López, presidente
